Monday 29 de April de 2024

Preséntase a programación da Semana Santa compostelá, cunha ampla actividade relixiosa e cultural


• Percorrerán as rúas da cidade un total de 16 procesións, que inclúen o exercicio do Santo Vía Crucis e unha histórica procesión de traslado.

• Seguindo a rotación por orde de antigüidade, o presente ano protagoniza o cartel e elixiu ao pregoeiro a Confraría de Noso Pai Xesús Nazareno e a Nosa Señora das Dores.

• Miguel Ángel Sánchez del Río, especialista en educación musical e organista de San Miguel dos Agros, será o encargado de pronunciar o pregón. O acto terá lugar o sábado 9 de marzo, ás 19 horas, na Igrexa de San Domingos de Bonaval.

A sala de prensa do Concello de Santiago acolleu esta mañá a presentación da programación da Semana Santa 2024, na que participou a presidenta da Xunta de Confrarías, María Elena Bernárdez, o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, a concelleira de Turismo, Míriam Louzao e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil.

A Semana Santa e os desfiles procesionais, que terán lugar do 22 de marzo ao 7 de abril, veñen precedidos de múltiples actos litúrxicos, gastronómicos, culturais e musicais na cidade; tal e como leva incluíndo a programación das confrarías nas últimas edicións. En total serán 14 as procesións que percorrerán as rúas da cidade, ás que se suma o exercicio do Santo Vía Crucis e a histórica procesión de traslado do Cristo da Paciencia de Conxo. A presidenta da Xunta de Confrarías indicou que os desfiles procesionais non sofren variacións este ano.

Elena Bernárdez explicou que o presente ano 2024, seguindo a orde de antigüidade das confrarías da cidade, foi a das Dores a encargada de elaborar e protagonizar o cartel da Semana Santa e de elixir ao pregoeiro. Encargo que recaeu sobre Miguel Ángel Sánchez del Río, especialista en educación musical e organista de San Miguel dos Agros. O discurso terá lugar o sábado 9 de marzo, ás 19 horas, na Igrexa de San Domingos de Bonaval.

Dentro da actividade litúrxica integrada no programa, a Xunta de Confrarías achega un ano máis todos os actos que levarán a cabo as diferentes confrarías dende esta semana ata a propia Semana Santa, así como aqueles nos que participa o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, e que terán lugar na Catedral de Santiago.

A presidenta da Xunta de Confrarías agradeceu ao Concello de Santiago a súa colaboración no deseño e impresión dos programas, así como a prestación dos servizos de limpeza e seguridade cidadá que permiten o correcto desenvolvemento das procesións. Elena Bermúdez tamén aproveitou para agradecer a colaboración de Turismo de Galicia, da asociación de comerciantes “Compostela Monumental” e do Instituto Europeo “Campus Stellae”.

O arcebispo da Diócese de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto, quixo poñer en valor a completa oferta de programación da Semana Santa compostelá, situándoa coma un evento acolledor e integrador, que reflexa a grande riqueza cultural, relixiosa e social da cidade. O arcebispo lembrou que durante a Semana Santa, as igrexas da cidade ofrecerán unha horario especial de apertura. Unha oportunidade, tal e como indicou, para coñecer o interior destes templos, moitas veces descoñecidos tanto para os visitantes como para os propios composteláns.